Diario dun tolo por Nikolai Gogol - Versão HTML

ATENÇÃO: Esta é apenas uma visualização em HTML e alguns elementos como links e números de página podem estar incorretos.
Faça o download do livro em PDF, ePub, Kindle para obter uma versão completa.
Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

Diario dun tolo

Nikolai Vasílievich Gógol

Tradución de Ekaterina Guerbek

Revisión de Maite Veiga

Nikolai Vasílievich Gógol (1809 – 1852)

Esta obra foi escrita en outono de 1834 e editada por primeira vez na segunda parte da recompilación “Arabesqui” (1835), baixo un título distinto “Fragmentos do diario dun tolo”.

Hoxe sucedeu unha aventura extraordinaria. Erguinme pola mañá bastante tarde e, cando Mavra me trouxo as botas limpas, pregunteille qué hora era. Ó oír que xa había tempo que deran as dez, apresureime para vestirme o máis rápido posible. Confeso que, ó saber de antemán qué cara de vinagre me poñería o xefe da sección, non ía ir ó ministerio en absoluto. Ándame dicindo xa dende hai tempo: “Pero, home, como é que tes sempre tanta desorde na cabeza? Hai veces que marchas axitándote dun lado para outro, coma se tiveses lume nos pés; e se levas algún asunto, enrédalo tanto que nin o demo o entende; no título metes letra minúscula; e a data e o número, nin os pos”.

/

1 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

Maldita garza! Seguro que ten envexa de que eu estea sentado no despacho do director, afiando as plumas para a súa excelencia. Nunha palabra, eu non iría ó ministerio se non tivese a esperanza de ve-lo tesoureiro e intentar (e por que non?) conseguir que este xudeu me adiante algo, o que sexa, do meu salario. Vaia bicho! Que me adiante os cartos dun mes? Ten sucedido iso algunha vez? Meu Deus, antes chega o día do Xuízo Final! Xa, podes intentar pedirllo: aínda que rómpa-lo lombo, aínda que esteas apuradísimo, non cho vai dar, ese demo de pelo branco. Mentres que, no seu piso, a súa propia cociñeira pégalle nas meixelas. Iso xa o saben todos. Eu non entendo cáles son as vantaxes de prestar servizo nun ministerio. É que non hai recursos de ningún tipo. Outra cousa é no goberno da rexión ou nas cámaras civís e cámaras de finanzas: miremos a un que está alí sentado escribindo, arrimado a un currunchiño. O frac que viste é ruín, o morro é tal que che dan ganas de cuspirlle, pero mira qué casa aluga para pasa-lo verán!

E non lle traias unha cunca dourada de porcelana: vaiche dicir que “é un regalo para un médico”; a el tráelle un par de cabalos trotadores, ou unha carruaxe, ou un abrigo de pel de castor de trescentos rublos. Pola aparencia é tranquilo, e fala así, con delicadeza:

“Présteme o coiteliño, para afiar a plumiña”; pero a un que vén pedir, vaino saquear e deixalo só coa camisa. A verdade é que o noso servizo é nobre, por todas as partes hai tanta pureza como non se verá nunca no goberno da rexión: mesas de caoba, e todos os xefes tratan a xente de vostede. Pois si, teño que confesar que, se non fose pola nobreza dese servizo, deixaría o ministerio xa hai tempo.

Puxen o capote vello e collín o paraugas porque chovía a caldeiros. Non había ninguén pola rúa; só tropecei cunhas mulleres de clase baixa, que se ían tapando cos seus faldróns; ademais, cuns comerciantes do país que levaban paraugas e con algúns mensaxeiros. Da xente nobre, só vin a un funcionario coma min. Vino nun cruzamento.

Nada máis velo, díxenme a min mesmo: “Eh, que non, amigo, ti non vas ó teu ministerio, vas de présa detrás desa que vai correndo diante, míraslle para os pés”. Pero qué bichos somos os funcionarios! Xuro por Deus que un funcionario non permitiría que o deixase quedar mal ningún oficial do exército: en canto pasa algunha cun sombreiriño vaina enganchar. Pensando iso, vin unha carruaxe chegando á tenda, xusto por onde estaba pasando eu. Recoñecina enseguida: esta carruaxe era a do noso director.

“Pero el non ten por qué ir á tenda, ―pensei― seguramente é a súa filla”. Arrimeime á parede. O lacaio abriu as portas e ela saíu voando da carruaxe, coma un paxariño. Nada

/

2 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

máis botou unhas olladas á dereita e á esquerda, nada máis escintilou coas súas cellas e cos ollos... Meu Deus, Señor! quedei perdido, absolutamente perdido. E para qué ten que saír cando chove tanto. Quen, logo, podería afirmar que as mulleres senten pouca paixón por todos eses trapos. Ela non me recoñeceu e, ademais, eu mesmo tamén procuraba envolverme o máis posible a propósito, porque o capote que levaba estaba moi sucio e, ademais, era de corte anticuado. É que agora se levan as capas de colos longos, e a miña tíñaos curtos, un encima doutro; e o pano tampouco estaba sanforizado, en absoluto. A súa cadeliña perdeu o momento de meterse pola porta da tenda e quedou na rúa. Eu coñezo esa cadeliña. Chámase Medji. Non pasara nin sequera un minuto cando, de repente, oín unha vociña fina: “Ola, Medji!” Vaia! pero quen está falando?

Mirei ó redor e vin a dúas damas que levaban un paraugas: unha velliña e outra nova; pero elas xa pasaran cando volveu soar unha voz ó meu lado: “É pecado, Medji!” Pero que demo é iso! Vin que a Medji se estaba cheirando coa cadeliña que seguía ás damas.

“Aha! ―dixen para min― basta, estarei bébedo? Pero paréceme que iso non me sucede moi a miúdo”. ― “Non, Fidelle, estás equivocada, ― vin cos meus propios ollos que Medji o dixo, ― estiven, guau! guau! estiven, guau! guau! moi enferma”. Pero ti, cadeliña! Recoñezo que me asombrei moito ó oíla falar coma os humanos. Pero logo penseino ben é deixei de asombrarme. Realmente, nese mundo xa teñen sucedido numerosos exemplos dese tipo. Comentan que en Inglaterra saíu flotando un peixe que dixo dúas palabras nun idioma tan estraño que os científicos xa levan tres anos intentando definilo, e ata agora non teñen descuberto nada. Ademais, lin nos periódicos sobre dúas vacas que viñeron a unha tenda e pediron unha libra de té. Pero, teño que recoñecer que me sorprendín aínda moito máis cando Medji dixo: “Téñoche escrita unha carta, Fidelle; debe ser que Polkán non cha trouxo!” Xúroo; se minto, que non reciba o meu salario! Na miña vida teño oído que unha cadela saiba escribir. Só un nobre pode escribir correctamente. Iso si, algúns comerciantes e oficinistas, e incluso, ás veces, campesiños van escribindo algo; pero a súa escritura é maiormente mecánica: sen comas, nin puntos, nin estilo.

Iso sorprendeume. Recoñezo que dende hai pouco empecei a oír e ver, de vez en cando, cousas tales que ninguén ten visto nin oído. “Vou ir detrás desa cadeliña,

―dixen para min,― e voume informar de qué é ela e do que está pensando”.

/

3 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

Despreguei o meu paraugas e encamiñei os meus pasos tras daquelas dúas damas.

Torcemos cara á rúa Gorókhovaia, logo á Meschánskaia, de aí a Stoliárnaia, finalmente á ponte Kokushkin e paramos diante duna casa grande. “Coñezo esta casa, —dixen para min.— É a casa de Zverkov.” Vaia xigante! Aí vive xente de todo tipo: cantas cociñeiras, canta xente de fóra! E funcionarios coma min, hainos coma cans, un encima doutro. Teño alí un amigo que toca ben a trompeta. As damas subiron ó cuarto andar.

“Ben, —pensei,— agora non vou entrar, pero vou tomar nota dese sitio e, coa primeira oportunidade que saia, non faltarei a aproveitala.”

4 de outubro

Hoxe é sábado, e polo tanto estiven no despacho do noso director. Cheguei a propósito máis cedo, senteime alí e afiei todas as plumas. O noso director debe ser unha persoa moi intelixente. Todo o seu despacho está cheo de librerías. Lin os títulos dalgúns libros: é sabedoría, e tanta sabedoría que, para a xente coma min, nin sequera hai acceso a ela: todo está ou ben en francés ou ben en alemán. E se o miras á cara: ai, qué importancia brilla nos seus ollos! Ata o de agora nunca lle oín dicir ningunha palabra de máis. Só, quizais, cando lle dou os papeis, me pregunta: “Como se está alí fóra?” — “Está húmido, súa excelencia!” Pois si, é unha persoa doutra escala! Un home de Estado. Noto, porén, que me ten un cariño especial. Se a súa filla tamén... ai, que canallada!.. Nada, nada, silencio! Lin “Pchiolka”1. Que xente tan estúpida son eses franceses! Que é o que queren? Por Deus, colleríaos a todos e azoutaríaos cunha vara!

Alí mesmo lin unha descrición moi agradable dun baile feita por un latifundista de Kursk. Os latifundistas de Kursk escriben ben. Logo deime de conta de que xa deran as doce e media, mentres que o noso xefe seguía sen saír do seu dormitorio. Pero, ó redor da unha e media tivo lugar un suceso que ningunha pluma sería capaz de describir.

Abriuse a porta, pensei que era o director e levanteime dun salto da cadeira cos papeis nas mans; pero era ela, ela en persoa! Por todos os santos, que roupa levaba! O seu vestido era branco coma un cisne: ai, que suntuoso! e qué mirada me botou: un sol, xúroo por Deus, un sol! Fixo unha reverencia e dixo: “Papá non estaba aquí?” Ai, ai, ai!

Que voz! Un canario, de verdade, un canario! “Súa excelencia —estiven para dicir eu—

non mande que me executen, e se desexa executarme, entón, fágao coa súa manciña de filla de xeneral”. Pero, diaños, non me saíu da lingua, e só dixen: “Non, señorita”. Ela miroume a min, os libros e deixou caer o pano. Lanceime a toda présa, esvarei no

/

4 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

maldito parqué e houben de dar cos fociños no chan, pero mantívenme en pé e collín o pano. Por todos os santos, que pano! Moi fino, feito de batista, que aroma, un auténtico aroma! Cheira á vida dos xenerais. Ela agradeceumo e sorriu de maneira un pouco forzada; os seus beizos de azucre case non se moveron; e logo marchou. Seguín sentado aí durante unha hora máis, e logo chegou un lacaio e dixo: “Váiase á súa casa, Aksentii Ivánovich, o señor xa marchou”. Non os soporto a eses lacaios: sempre vos están apoltronados no recibidor, e nin sequera se molestan en facerche un sinal coa cabeza. E

iso aínda non é todo: unha vez, a un deses bichos ocorréuselle ofrecerme tabaco sen sequera erguerse do seu sitio. Pero non sabes, estúpido criado, que eu son funcionario e son de procedencia nobre? Non obstante, collín o meu sombreiro e puxen o capote eu mesmo, xa que os señores coma ese non te van asistir nunca; e logo saín para fóra. Na casa pasei a maior parte do tempo na cama. Logo copiei uns versiños moi bos: “Levaba unha hora sen ver o meu amor, e xa pensaba eu que era todo un ano; A miña vida empeceina a odiar e dixen: É posible que siga eu vivindo?” Será unha obra de Púxkin2.

Pola tarde, envolvinme no capote e fun cara ó portalón dela, da súa excelencia, e pasei moito tempo agardando por se saía e subía na carruaxe, para mirala unha vez máis; pero non, non saíu.

6 de novembro

Enrabieime pola culpa do noso xefe de sección. Cando cheguei ó ministerio, chamoume e empezou a falarme así: “Pois ben, poderías dicirme que estás facendo?” —

“Como que qué estou facendo? Non estou facendo nada”, —contestei. “Pois razoa! Que xa tes máis de corenta anos, deberías asenta-la cabeza. Que estás imaxinando? Cres que non estou informado de todas as túas trasnadas? Pero se estás facéndolle as beiras á filla do director! Pois ben, mírate a ti mesmo e razoa, que es ti? Es un cero e máis nada. Se non tes nin un pataco. Polo menos, mira a túa cara no espello, como podes pensar nesas cousas!” Diaños, pero se a súa cara parece un frasquiño de boticario, e só ten un guecho de pelo na cabeza, que riza a modo de copete; e non obstante, leva a cabeza ben alta e úntaa cun pratiño, e xa pensa que lle está todo permitido, só a el. Entendo, entendo por qué me ten tanta rabia. É que ten envexa: pode ser, viu algúns sinais de boa disposición que ela manifestou cara a min en exclusiva. Pero se a min non se me dá nada por el!

Moita importancia é esa: conselleiro estatal!3 Colga o reloxo dunha cadea de ouro, encarga botas de trinta rublos o par, que o leve o demo! Pero non procedo eu da

/

5 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

nobreza, acaso son da familia dun xastre ou son fillo dun suboficial? Son nobre. E qué, tamén podo chegar a eses títulos. Aínda teño corenta e dous anos: é a idade na que a auténtica carreira só está a empezar. Espera, amigo! Nos tamén chegaremos a coronel e, pode ser, se Deus o da, que a algo aínda máis importante. Tamén nos faremos cunha reputación, aínda mellor ca túa. Como se che meteu na cabeza que non existen homes dignos agás ti mesmo? Dáme un frac de Ruch4, feito á moda, e se ademais poño a mesma gravata ca ti, despois non me vas chegar á sola do zapato. É que non teño recursos, esa é a miña desgraza.

8 de novembro

Estiven no teatro. Daban un espectáculo sobre o bobo ruso Filatka. Rin moito.

Ademais, había un vodevil con versiños moi graciosos sobre uns avogados e especialmente sobre un rexistrador colexial5, escritos dunha maneira bastante liberal, que ata eu me asombraba de que a censura os deixase pasar; e sobre os comerciantes pronunciábanse claramente: que enganan ó pobo e que os seus fillos andan por aí armando escándalos e aspiran a colarse na nobreza. Tamén había unha copla moi divertida sobre os periodistas: sobre o que lles gusta criticalo todo e en que o autor lle pide ó público que o protexa. Mira que son graciosas esas pezas, as que compoñen os escritores de hoxe en día. Gústame ir ó teatro. En canto tes algúns cartos no peto, entón, non aguantas e vas. Pero entre os funcionarios coma min hai uns auténticos porcos: non che vai ir ó teatro, o pailán, definitivamente non vai ir; xa podes darlle unha entrada gratis. Unha actriz cantaba moi ben. Acordeime daquela... ai, que canallada!.. nada, nada... silencio.

9 de novembro

Ás oito dirixinme ó ministerio. O xefe de sección puxo cara así coma se non notase que eu viñera. Eu, pola miña parte, tamén, coma se non pasase nada entre nós.

Estaba revisando e comprobando os papeis. Saín ás catro. Pasei diante do piso do director, pero non se vía ninguén. Despois de comer estiven maiormente deitado na cama.

11 de novembro

Hoxe estaba sentado no despacho do noso director, afiei vinte e tres plumas para el e catro plumas para ela, ai! ai!.. para a súa excelencia. A el gústalle moito que haxa

/

6 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

cantas máis plumas Oh, que mente debe ter! Sempre está calado, pero creo que na súa cabeza está examinándoo todo. Gustaríame saber en qué pensa el maiormente; qué é o que se trama nesa cabeza. Gustaríame ver máis de preto a vida deses señores, todos eses equívocos e cousas cortesás: qué fan no seu círculo e cómo, iso é o que me gustaría saber! En varias ocasións, xa estiven para empezar unha conversación co señor director, pero, diaños, a lingua non me obedece: só lle digo se fai frío ou calor fóra e non podo pronunciar nada máis. Gustaríame observar ese salón que ás veces se ve pola porta aberta, e tras o salón, unha habitación máis. Ah, que decoración tan rica! Que espellos e porcelanas! Gustaríame ver aquela parte, onde vive ela, alí si que me gustaría entrar! No tocador: ver todos eses botiños e tarriños que ten, algunhas flores, que son así que ata tes medo de respirar cara a elas; cómo está alí tirado o seu vestido, que se parece máis ó aire ca a un vestido. Gustaríame ver o seu dormitorio... alí, coido que é onde están as marabillas, alí si que está o paraíso que nin sequera existe no ceo. Se se puidese ver aquel banco no que ela pon o pé ó erguerse da cama; cómo pon sobre a perniña unha media, branca coma a neve... ai! ai! ai! nada, nada... silencio.

Non obstante, hoxe, como se me alumease unha luz, acordeime daquela

conversación de dúas cadeliñas que oín na avenida Nevskii. “Está ben, —pensei para min,— agora voume informar de todo. Hai que capturar a correspondencia que levaban esas malísimas cadeliñas. Alí seguro que me informo de algo”. Vou confesar que incluso chamei a Medji unha vez e díxenlle: “Escoita, Medji, agora que estamos a soas; cando queiras vou pecha-la porta, para que non nos vexa ninguén; cóntame todo o que sabes sobre a señorita, que é ela e como? Xúroche por Deus que non o vou revelar a ninguén”. Pero a pilla da cadeliña meteu o rabo entre as pernas, encolleuse toda e saíu pola porta sen facer ruído, coma se non oíse nada. Eu xa viña sospeitando que as cadelas son máis intelixentes que os homes; incluso estaba seguro de que ela podía falar aínda que era algo testuda. É un político extraordinario: nótao todo, todos os pasos que fai o home. Que non, pase o que pase, mañá irei á casa de Zverkov, interrogarei á Fidelle e, se teño sorte, capturarei todas as cartas que lle escribiu Medji.

12 de novembro

Ás dúas da tarde fun para ver a Fidelle sen falta e interrogala. Non soporto o cheiro a coles de todas esas pequenas tendas da rúa Meschánskaia; ademais, das portas cocheiras de cada casa chega unha peste do demo, así que tapei o nariz e púxenme a

/

7 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

correr a toda présa. E á parte, os canallas dos artesáns deixan que saia dos seus talleres tanta feluxe e fume que, para unha persoa nobre, é definitivamente imposible pasear por aí. Cando esvarei no quinto andar e fixen resoar a campaíña, saíu unha moza, que aínda non era fea de todo, cunhas pequenas pencas. Recoñecina. Era aquela que ía aquel día coa velliña. Ruborizouse un pouco, e eu deime conta deseguida: ti, querida, queres ter noivo. “Que desexa vostede?” —díxome. “Teño que falar coa súa cadeliña”. A mociña era parva! En seguida me dei de conta de que era parva! Mentres tanto, a cadeliña veu ladrando; eu quería collela, pero ela, repugnante, estivo para collerme polo nariz cos dentes. Non obstante, notei a súa cestiña, que estaba nun curruncho. Eh, iso é o que necesito! Achegueime alí, revolvín a palla da caixa de madeira e, para o meu pracer tan singular, extraín un pequeno atado de papeliños. A mala da cadeliña, ó ver iso, primeiro mordeume na mazá da perna, e logo, ó informarse de que eu collera os papeis, empezou a chiar e a facerme garatuxas; pero eu dixen: “Que non, cariño! Adeus!” —e púxenme a correr. Coido que a mociña me tomou por un tolo, xa que se asustou extremadamente.

Eu, ó chegar á casa, quería inmediatamente poñer as mans á obra e revisar todas esas cartas, xa que co lume das candeas vexo algo mal. Pero á Mavra ocorréuselle frega-lo chan. Esas parvas de finlandesas sempre son pulcras inoportunamente. Polo tanto, fun pasear e reflexionar sobre ese suceso. Agora, por fin, voume informar de todos os asuntos, de todas as ideas, de todos eses resortes e finalmente chegarei a sabelo todo.

Esas cartas revelaranmo todo. As cadelas son xente lista, coñecen todas as relacións políticas, e polo tanto, seguramente, alí estará todo: o retrato e todos os asuntos dese home. Tamén haberá alí algo sobre ela, a que... nada, silencio! Pola noite volvín á casa.

A maior parte de tempo estiven deitado na cama.

13 de novembro

Pois ben, imos ver: a carta é bastante clara. Non obstante, na letra, de todos os xeitos, hai algo de cadela. Imos ler:

“Querida Fidelle, sigo sen acostumarme ó teu nome, tan pouco nobre. Acaso non che podían dar outro mellor? Fidelle, Rose: qué ton tan vulgar! Non obstante, imos deixar todo iso a un lado. Alédome moito de que se nos ocorrese a idea de escribir unha á outra.”

/

8 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

A carta está escrita moi correctamente. A puntuación e incluso a letra ъ 6 están sempre no seu lugar. Nin sequera o noso xefe de sección escribiría así, aínda que vai contando por aí que ten estudado nunha Universidade. Imos ver máis:

“Paréceme que compartir ideas, sentimentos e expresións con outra persoa é un dos primeiros bens deste mundo”.

Hum! A idea vén dunha obra traducida do alemán. Non lembro o seu título.

“Dígocho baseándome na miña experiencia, aínda que non teño saído máis alá do portalón da nosa casa. Acaso se podería dicir que a miña vida non fose pracenteira? A miña señorita, á que seu papá lle chama Sophie7, quéreme tolamente”.

Ai, ai!.. nada, nada. Silencio!

“O papá tamén me acariña, moi a miúdo. Tomo té e café con nata. Ah, ma chére, teño que dicirche que non vexo ningún pracer neses ósos grandes e roídos que o noso Polkán devora na cociña. Os ósos son bos se proveñen da caza, e tan só cando ninguén lles chupou a medula. Están moi ben varias salsas mesturadas, pero sen alcaparras e sen verdura; por outra parte, non coñezo ningún costume peor que o de darlles, ás cadelas, as boliñas feitas de miga de pan. Algún señor sentado á mesa, que antes tiña toda clase de porcalladas nas mans, ponse a esmaga-lo pan con esas mesmas mans, chámate e méteche unha boliña nos dentes. Negarse, en certa medida, é falta de respecto, así que o vas comendo; con repugnancia, pero vas coméndoo...”

Sabe o demo qué é iso! Que bagatelas! Coma se non houbese outro obxecto mellor para escribir sobre el. Imos ver na outra páxina. Por se hai algo máis razoable.

“Estou disposta a comunicarche todo o que aquí acontece, e con moito gusto. Xa che contarei algo sobre o señor máis importante de todos, ó que Sophie lle chama papá.

É un home moi estraño”.

Ah! Velaquí, por fin! Eu xa o sabía: elas teñen unha visión política acerca de todos os obxectos. Imos ver qué lle pasa ó papá:

“... un home moi estraño. A maior parte do tempo está calado. Fala en moi raras ocasións; pero, hai unha semana, estivo falando sen parar con el mesmo: “Recibirei ou non recibirei?’. Collía un papeliño nunha das mans, e a outra cerrábaa, baleira, e dicía:

“Recibirei ou non recibirei?’ Unha vez dirixiuse tamén a min coa pregunta: “Que opinas, Medji, recibirei ou non recibirei?’ Non dei entendido absolutamente nada, cheirei unha das súas botas e marchei. E logo, ma chére, unha semana despois, o papá

/

9 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

chegou á casa moi contento. Durante toda a mañá, uns señores, vestidos de uniforme, viñan de visita e felicitábano por algo. Sentado á mesa, estaba tan ledo como eu nunca o tiña visto, contaba chistes, e despois de comer, subiume ó colo e dixo: “E mira, Medji, qué é iso”. Vin unha cinta. Cheireina, pero, definitivamente, non atopei ningún aroma; finalmente, lambina a modiño: estaba algo salgada”.

Hum! Esta cadeliña, paréceme que xa se pasa un pouco... por que non lle dan unha zurra? Ah! Así que é un ambicioso! Hai que tomar nota diso.

“Adeus, ma chére, voume correndo, etc., etc... Remato a carta mañá. Ola! Estou contigo de novo. Hoxe a miña señorita Sophie...

Ah! Pois, imos mirar qué lle pasa a Sophie. Ai, que canallada!.. Nada, nada... imos continuar.

“... a miña señorita Sophie estaba alborotada extremadamente. Estaba

preparándose para ir a un baile: polo tanto, aledeime de que ía poder escribirche aproveitando a súa ausencia. A miña Sophie sempre se pon moi contenta cando vai a un baile, aínda que case sempre se enfada á hora de vestirse. Non acabo de comprender, ma chére, qué pracer é ese, o de ir a un baile. Sophie sempre regresa do baile á casa ás seis da mañá, e eu case sempre adiviño, polo seu aspecto esbrancuxado e fraco, que á pobriña non lle deron de comer. Vouche confesar que non podería vivir así. Se non me desen unha salsa con galiñola ou ás de polo asadiñas, entón... non sei qué sería de min.

Tamén está boa a salsa con papas. Pero a cenoria, ou nabo, ou alcachofas nunca me parecerían bos...”

Qué estilo tan quebrado. Nótase en seguida que non o escribiu un humano.

Empeza como se debe pero remata cunhas cousas caninas. Imos mirar unha carta máis.

É algo longa. Hum! Tampouco está posta a data.

“Ah, querida! Cómo se nota que se acerca a primavera. O meu corazón late, coma se estivese sempre agardando algo. Teño un eterno zunido nos oídos, así que a miúdo levanto a perniña e paso uns cantos minutos así, escoitando ó carón das portas. Vouche confesar que teño moitos admiradores. A miúdo obsérvoos estando sentada nunha ventá. Ah, se puideses saber qué monstros hai entre eles. Hai un can palleiro, tan plebeo, moi parvo, leva a estupidez escrita na cara, anda pola rúa dándose moita importancia e crese que é un personaxe ilustre, pensa que todos están dispostos a admiralo. En absoluto. Eu nin sequera lle prestei atención, coma se non o vise. Pero qué dogo tan

/

10 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

terrible se para debaixo da miña ventá! Se se puxese de patas traseiras, que el, co bruto que é, seguramente non o sabe facer, entón, sería unha cabeza máis alto có papá da miña Sophie, que tamén é bastante alto e gordo. Este parvo, debe ser, é terriblemente descarado. Eu rifeille un pouco, pero el non lle deu importancia. Nin sequera engurrou a cara! Sacou a lingua, colgou as orellas enormes e mirou para a ventá, que paisano! Pero, acaso pensas, ma chére, que o meu corazón é indiferente a todas as aspiracións? Ah, non... Se vises a un cabaleiro que se chama Trésor, que salta o valo da casa veciña. Ah, ma chére, qué fociño ten!”

Fu, ó demo!.. Que porcallada é esa!.. E como é posible encher as cartas de semellantes parvadas? A min dádeme unha persoa! Quero ver a unha persoa; esixo o alimento, aquel que alimentaría a miña alma e lle daría pracer; e, en lugar diso, semellantes parvadas... imos darlle volta á páxina, a ver, por se hai algo mellor:

“... Sophie estaba sentada diante dunha mesiña, cosendo algo. Eu namentres estaba mirando pola ventá, xa que me gusta observar os transeúntes. E, de repente, entrou o lacaio e dixo: “Teplov” — “Invítao a entrar, —exclamou Sophie e lanzouse a abrazarme...— Ah, Medji, Medji! Se ti soubeses quén era: un home de cabelo negro, kammer-junker, e que ollos tiña! Negros e claros, coma a lume”, —e Sophie saíu correndo á súa habitación. Un minuto máis tarde, entrou un mozo kammer-junker 8 de patillas negras, achegouse ó espello, amañou o pelo e logo observou a habitación. Eu gruñín un pouco e senteime no meu sitio. Sophie non tardou en aparecer e fixo unha leda reverencia, a modo de contestación ós seus golpes de tacón; mentres que eu seguía mirando para a ventá, coma se non notase nada; porén, inclinei a cabeza algo de lado procurando escoitar de qué estaban falando. Ah, ma chére, sobre qué bagatelas falaban!

Tratábase de que unha dama, durante un baile, fixo unha figura en vez doutra; ademais, que un tal Vóvov, coa súa gorgueira, se parecía moito a unha cegoña e tamén estivera a punto de caer; que unha tal Lídina se imaxina que ten ollos azuis claros, mentres que en realidade son verdes, e outras cousas polo estilo. “Claro, —pensei para min,— nin comparar ese kammer-junker con Trezor9!” Ceo! Que diferenza! Primeiro, a cara do kammer-junker é totalmente lisa e ancha, con patillas ó redor, coma se tivese atado un pano negro; mentres que Trezor ten o fociño fino, cunha pequena calvicie branca mesmo na fronte. A cintura de Trezor nin sequera se lle pode comparar coa do kammer-junker. E os ollos, os modais, as maneiras son completamente distintos. Oh,

/

11 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

que diferenza! Non sei, ma chére, qué atopou ela no seu Teplov. Por qué o admira tanto?..”

A min tamén me parece que aquí hai algo estraño. Non pode ser que un

kammer-junker puidese encantala tanto. Imos mirar máis adiante:

“Paréceme que, se lle gusta ese kammer-junker, entón tampouco tardará en gustarlle aquel funcionario que está no despacho do papá. Ah, ma chére, se ti soubeses qué feo é. É unha auténtica tartaruga nun saco...”

E qué funcionario podería ser ese?..

“O seu apelido é moi raro. Sempre está sentado afiando as plumas. Os pelos que ten na cabeza parécense moito á herba seca. Papá sempre o manda a algunha parte, en vez de ó criado.”

Paréceme que esa abominable cadeliña me apunta a min. Pero onde teño o pelo coma a herba seca?

“Sophie non pode reter a risa cando o mira.”

Mentes, maldita cadeliña! Que lingua tan abominable tes! Coma se eu non soubese que iso é cuestión de envexa. Coma se non soubese de quén veñen esas cousas.

Son cousas do xefe de sección. É que ese home xurou facerme dano con odio irreconciliable, e anda facéndomo, a cada paso facéndome dano. Imos mirar, porén, unha carta máis. Pode ser que nela o asunto se revele por si mesmo.

Ma chére Fidelle, perdoa por non escribirche durante tanto tempo. Estaba totalmente extasiada. Son verdadeiramente certas as palabras dun escritor que din que o amor é a segunda vida. Ademais, temos uns cambios importantes na nosa casa. O

kammer-junker agora xa vén cada día. Sophie está namorada del, ata a toleira. Papá está moi ledo. Eu, incluso, oín que o noso Grigorii, o que varre o chan e case sempre fala consigo mesmo, dixo que pronto haberá voda; xa que papá quere ver a Sophie casada, sen falta, ben cun xeneral, ben cun kammer-junker, ben cun coronel militar...

Diaños! non podo seguir lendo... Sempre é así: ben un kammer-junker, ben un xeneral. Todo o mellor deste mundo sempre lles toca ben ós kammer-junkers, ben ós xenerais. Nada máis atopas para ti unha humilde riqueza, xa pensas en collela coa man...

Pero quítacha un kammer-junker ou ben un xeneral. Demos! Xa me gustaría a min facerme xeneral: non para obte-la súa man e outras cousas, non, gustábame ser xeneral

/

12 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

só para ver cómo eles me bailaban a auga, con todos eses equívocos e cousas cortesás, para logo dicirlles que tanto me teñen ámbolos dous. Diaños. Que pena! Rompín en cachos as cartas da estúpida cadeliña.

3 de decembro

Non pode ser. Son bólas! Non vai haber voda! Que máis da que el sexa

kammer-junker. Pero se iso non é nada máis que unha dignidade; non é unha cousa visible, que se poida coller nas mans. É que porque un sexa kammer-junker non lle vai aparecer o terceiro ollo na fronte. É que o seu nariz tampouco está feito de ouro, senón que é coma o meu e coma o de calquera outro; é que co nariz cheira, pero non come nin espirra, nin tampouco tuse. Xa levo varias veces intentando descubrir por qué suceden todas esas diferenzas. Por qué son conselleiro titular10 e cal é a razón de que eu sexa conselleiro titular? Probablemente son algún conde ou xeneral, e só aparento conselleiro titular? Probablemente, nin eu mesmo sei quén son. Cántos exemplos se coñecen na historia: hai un home sinxelo, nin sequera nobre, senón sinxelamente un pequeno burgués, ou incluso campesiño, e de repente descóbrese que é un alto dignitario, e, ás veces, ata un soberano. Dado que unha cousa así pode saír dun campesiño, entón, que pode saír dun nobre? Por exemplo, de súpeto entro eu co uniforme de xeneral: no ombro dereito teño unha xarreteira, no ombro esquerdo tamén unha xarreteira; a través do ombro, unha cinta de cor azul clara; entón que? cómo vai cantar entón a miña bela? E

que vai dicir o papá mesmo, o noso director? Oh, é un gran ambicioso! É un masón, un masón, sen falta, aínda que pretende pasar por outras cousas; pero, eu si que notei de inmediato que el era un masón: cando dá a man a alguén só asoma dous dedos. Acaso non podo eu ser nomeado, nese mesmo momento, xeneral-gobernador, ou ben intendente, ou ben alguén máis por aí? Gustaríame saber: por que son conselleiro titular? Por que precisamente conselleiro titular?

5 de decembro

Hoxe pasei toda a mañá lendo periódicos. Cousas estrañas suceden en España.

Nin sequera puiden comprendelas de todo. Escriben que o trono está abolido e que os altos dignitarios se atopan nunha situación embarazosa en canto á elección do sucesor; e que, debido a iso, xorden rebelións. A min, iso paréceme extremadamente raro. Como pode o trono ser abolido? Din que hai unha donna que ten que subir ó trono. E que non

/

13 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

pode unha donna subir ó trono. Non pode en absoluto. No trono ten que haber un rei.

Pero, segundo din, non hai rei: non pode ser que non haxa rei. O Estado non pode estar sen rei. O rei existe, pero está nalgunha parte sen que se saiba nada del. Tamén pode ser que estea alí mesmo, pero que existan razóns que lle fixesen ocultarse: ben razóns familiares, ben algúns temores por parte das potencias veciñas, como Francia e outras terras, ou haberá outras razóns.

8 de decembro

Xa case estaba para ir ó ministerio, pero retivéronme varias razóns e reflexións. É

que os asuntos españois non me daban saído da cabeza. Cómo pode ser iso de que unha donna se faga raíña? Non o van permitir. E, en primeiro lugar, non o vai permitir Inglaterra. E, á parte, os asuntos políticos de toda Europa: o emperador austríaco, o noso tsar... Recoñezo que tanto me desesperaron e me conmoveron eses sucesos que definitivamente non puiden ocuparme de nada. Mavra comentoume que durante a comida eu estaba extremadamente distraído. E é certo: polo que parece, botei dous pratos ó chan, por despiste, e romperon inmediatamente. Despois de comer, fun ás montañas de xeo. Non puiden sacar nada sentencioso. A maior parte do tempo estiven deitado na cama razoando acerca dos asuntos de España.

Ano 2000, día 43 de abril.

O día de hoxe é un día de gran festa! En España hai rei. Atopárono. Ese rei son eu.

E precisamente xusto hoxe informeime diso. Recoñezo que foi coma un lóstrego que me iluminase. Non entendo cómo podía eu pensar e imaxinarme que era conselleiro titular.

Cómo me puido vir esa idea tan tola? O bo é que daquela a ninguén se lle ocorreu meterme no manicomio. E agora todo está aberto diante de min. Agora vexo todo coma se iso estivese na palma da miña man. Mentres que antes, non acabo de entendelo, antes todo estaba diante de min envolto nunha brétema. E todo iso sucede, coido eu, porque a xente se imaxina que o cerebro humano se atopa na cabeza; en absoluto: tráeno o vento dende o mar Caspio. Primeiro anuncieille a Mavra quén son. Cando oíu que tiña diante ó rei español, entón axitou as mans a case morre de medo. A estúpida aínda nunca viu o rei español. Eu, non obstante, procurei calmala e intentei aseverala da miña

/

14 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

benevolencia e de que eu non me enfadaba nada porque ela me tivese limpado mal as botas algunha vez. Como pertence ás capas populares, non se lle pode falar acerca das materias sublimes. Asustouse porque está segura de que todos os reis de España se parecen a Felipe II. Pero eu expliqueille que non había ningunha semellanza entre min e Felipe e que eu non teño nin un só frade capuchino... Non fun ó ministerio... Ó diaño!

Non, amiguiños, agora non poderedes armarma; non vou copiar os vosos repugnantes papeis!

Día 86 de marzembro

Entre o día e a noite

Hoxe veu o noso administrador, para que eu fose ó ministerio, que xa van máis de tres semanas que non vou traballar. Para gastarlles unha broma, fun ó ministerio. O xefe de sección pensaba que eu ía inclinarme ante el e pedir desculpas, pero eu mireino con indiferenza, sen demasiada ira nin demasiada benevolencia, e senteime no meu sitio, coma se non vise a ninguén. Miraba a toda esa canalla de oficinistas e pensaba: “E que sucedería se vos decatásedes de quén está sentado entre vos?.. Deus, meu Señor! Qué alboroto armariades, e o xefe de sección en persoa se poñería a inclinarse diante de min dobrando a cintura, como se inclina agora ante o director”. Puxeron diante de min uns papeis, para que eu fixese unha extracción. Pero non os toquei nin cun dedo. Dentro duns minutos, todos se volveron atafegados. Dixeron que o director estaba a chegar.

Moitos funcionarios foron correndo para presentarse diante del, adiantando uns a outros.

Pero eu nin sequera me movín do sitio. Cando el atravesou a nosa sección, todos abrocharon os fracs con todos os botóns; pero eu nada, absolutamente nada! Pero de que director se trata? Que eu me erga diante del? Endexamais! Qué tipo de director é el? É

un tapón, e non un director. Un tapón normal, un sinxelo tapón, nada máis. Dos que se usan para tapar as botellas. O que máis graza me tivo foi cando me meteron un papel, para que eu o firmase. Pensaban que ía escribir no borde extremo da folla: xefe de negociado fulano de tal. Nada diso! No sitio máis importante, onde firma o director de departamento, tracei: “Fernando VIII”. Había que ver qué silencio tan respectuoso se estableceu; pero eu só inclinei a miña man dicindo: “Non fai falta que demostredes ningún sinal de submisión” —e saín. De alí dirixinme dereitamente ó piso do director.

El non estaba na casa. O lacaio pretendía non deixarme entrar, pero eu díxenlle unha cousa e el baixou as mans. Esvarei dereitamente ó tocador. Ela, que estaba sentada diante do espello, ergueuse dun salto e retrocedeu apartándose de min. Porén, non lle

/

15 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

dixen que era o rei español. Só lle dixen que lle agardaba tanta felicidade que nin sequera a podía imaxinar; e que, a pesar das intrigas dos inimigos, estariamos xuntos.

Non quería dicir nada máis e saín.

Oh, a muller é unha criatura pérfida! Só agora comprendín o que é a muller. De quen está namorada ela? Ata agora, ninguén chegou a sabelo; eu fun o primeiro en descubrilo. A muller está namorada do demo. Si, bromas á parte. Os físicos escriben unhas parvadas, de que ela é iso e o outro; pero ela só lle quere ó demo. Vedes, está apuntando cos seus anteollos dende o palco de primeira galería. Pensades que está mirando a este gordecho coa estrela? En absoluto, ela está mirando ó demo que se oculta detrás das súas costas. Velaí se escondeu no seu frac. Velaí está, facéndolle a ela uns sinais co dedo! E ela vai casar con el. Vai casar. E todos eses, os pais, os altos dignitarios, todos eses, os que andan con pillarías por todas as partes e van escalando cara á corte e din que son patriotas, e que son iso e o outro: o que queren eses patriotas é a renda, a renda! Venderían a nai, o pai, a Deus, por cartos, son ambiciosos, son xudas!

Todo iso é ambición, e esa ambición débese a que debaixo da lingüeta hai unha pequena burbulla, e dentro dela hai un verme cativo, do tamaño da cabeza dun alfinete, e todo iso aquélao un barbeiro que vive na rúa Gorókhovaia. Non lembro cómo se chama; pero é sabido, e con certeza, que el, xunto cunha comadroa, quere divulgar o mahometismo por todo o mundo; e debido a iso, segundo comentan, en Francia, a maior parte do pobo xa recoñece a fe de Mahomet.

Ningunha data

Día sen data

Andei de incógnito pola avenida Nevskii. Pasou o emperador nunha carruaxe.

Toda a cidade quitou o gorro, e eu tamén; porén, non dei a entender, en absoluto, que son o rei español. Considerei impertinente revelarme aí mesmo, en presenza de todos; xa que, ante todo, hai que presentarse na corte. O único que me daba reparo era que eu, ata o de agora, non tiña vestimenta de rei. Polo menos, habería que conseguir un manto.

Xa case llo quería encargar a un xastre, pero, é que eles son uns auténticos burros, e ademais, non coidan nada o seu traballo, metéronse nunhas estafas e a maior parte do tempo pásano colocando pedras na calzada. Decidinme a face-lo manto do meu novo uniforme, que só puxen dúas veces. Pero, para que eses miserables non mo puidesen

/

16 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

estragar, decidinme a coselo eu mesmo, coa porta pechada, para que non o vise ninguén.

Corteino todo coas tesoiras, xa que o corte ten que ser completamente distinto.

Non lembro a data. Mes tampouco había

O Demo sabe qué había

O manto está completamente listo e cosido. Mavra exclamou algo cando o puxen.

Non obstante, aínda non me atrevo a presentarme na corte. A deputación de España ata agora non chegou. E presentarse sen deputados non sería pertinente. A miña dignidade non tería ningún peso. Estounos agardando dunha hora a outra.

Día 1.º

Asómbrame extremadamente a lentitude dos deputados. Que tipo de razóns os poderían deter? Será posible que sexa Francia? Si, é a potencia que menos favorece. Fun a correos para preguntar se xa chegaran os deputados españois. Pero o administrador de correos é extremadamente parvo: non, di, aquí non hai ningún deputado español, e se vostede desexa escribir cartas, aceptarémosllas segundo as normas establecidas. Diaños!

Que é unha carta? Unha carta é unha bagatela. As cartas escríbenas os boticarios...

Madrid. Fevuario trixésimo

Pois ben, estou en España, e isto sucedeu tan rapidamente que a penas puiden darme de conta. Hoxe pola mañá apareceron ante min os deputados españois; e subín, xunto con eles, nunha carruaxe. Pareceume estraña esa velocidade tan pouco habitual.

Iamos tan rápido que en media hora xa alcanzamos as fronteiras españolas. Por outra parte, agora por toda Europa hai camiños de ferro fundido, e os barcos de vapor navegan a moita velocidade. Esa España é unha terra rara: cando entramos na primeira habitación, vin a unha multitude de xente coa cabeza rapada. Non obstante, deime conta de que tiñan que ser ou ben grandes, ou ben soldados, xa que todos eles afeitan a cabeza. Pareceume extremadamente raro o trato que me deu o chanceler estatal que me levaba pola man; empuxoume a dentro dunha pequena habitación e dixo: “Senta aquí, e se te chamas a ti mesmo rei Fernando, vouche quitar a golpes as ganas de facelo”. Pero eu respondín en negativo, sabendo que iso non era nada máis que unha tentación; e por iso o chanceler me pegou dúas veces co pau polo lombo; sentín tanta dor que estiven a punto de lanzar un berro, pero contívenme, ó lembrar que iso é un rito de cabaleiros, de cando chegan a ocupar unha alta dignidade, xa que en España, aínda agora, existen eses

/

17 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

ritos de cabaleiros. Ó quedarme só, decidín ocuparme dos asuntos estatais. Descubrín que China e España son exactamente a mesma terra, e só os necios as consideran estados diferentes. Aconséllolles a todos escribir nun papel España, a propósito, e sairá China. Pero, porén, eu estaba extremadamente apesarado polo acontecemento que tería que suceder mañá. Mañá, ás sete, terá lugar un acontecemento estraño: a terra sentará sobre a lúa. Diso tamén escribe o famoso químico inglés Wellington11.

Confeso que sentín unha inquietude no meu corazón ó imaxinarme a

extraordinaria tenrura e fraxilidade da lúa. É que a lúa normalmente se fai en Hamburgo, e faise moi mal. Sorpréndeme que Inglaterra non se fixe niso. Faina un toneleiro coxo, que se nota que é parvo, que non ten nin idea sobre a lúa. Puxo a maroma alcatranada e unha parte de aceite de máquina; e por iso cheira horrorosamente por toda a terra e ata hai que tapa-lo nariz. E precisamente por iso a lúa é un globo tan tenro que a xente non pode vivir alí de ningunha maneira, e só viven alí os narices. E

polo tanto non podemos ve-los nosos narices, xa que todos eles están na lúa. E cando imaxinei que a terra é unha substancia pesada e pode, ó sentar encima, moer os nosos narices e convertelos en fariña, entón apoderouse de min tanta inquietude que puxen as medias e os zapatos e apresureime á sala do consello estatal, para dar unha orde á policía, que non permita á terra sentar sobre a lúa. Na sala do consello estatal vin unha gran multitude de grandes, afeitados, e todos eles eran moi intelixentes, así que, cando dixen: “Señores, imos salvar a lúa, xa que a terra quere sentar encima dela”, daquela todos se lanzaron de inmediato a cumprir o meu desexo soberano, e moitos puxéronse a trepar polas paredes, para coller a lúa, pero, nese momento, entrou o gran chanceler. Ó

velo, todos se dispersaron correndo. Eu, como rei, quedei só. Pero o chanceler, para a miña sorpresa, pegoume co pau e botoume á miña habitación. Tanto poder teñen en España os costumes populares!

Xaneiro do mesmo ano,

sucedido despois de febreiro

Ata agora non acabo de comprender cómo é esta terra, España. Os costumes populares e a etiqueta da corte son totalmente extraordinarios. Non entendo, non entendo, definitivamente non entendo nada. Hoxe afeitáronme a cabeza, a pesar de que eu berrei con toda a forza que non tiña ganas de ser un monxe. Pero xa nin sequera podo lembrar qué me sucedeu no momento en que empezaron a botarme as gotas de auga fría

/

18 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

pola cabeza. Na miña vida toda sentín semellante inferno. Estaba a punto de poñerme furioso, así que a penas puideron reterme. Non entendo, en absoluto, o significado dese costume raro. Un costume estúpido que non ten sentido! Para min, é inconcibible a irreflexión dos reis que aínda seguen sen extinguilo. Barallando todas as probabilidades, voume dando de conta: non será que caín nas mans da inquisición?, e aquel home, que eu pensaba que era o chanceler, non será o gran inquisidor en persoa? Pero non acabo de comprender cómo o rei puidese ser sometido á inquisición. A verdade é que iso podería ser por parte de Francia, e sobre todo por parte de Polignac12. Ai, ese bicho de Polignac! Xurou facerme dano ata a morte. E así é, anda perseguíndome e perseguíndome; pero xa sei, amigo, que é o inglés quen te guía. O inglés é un gran político. Anda coas súas picardías por todas as partes. Iso xa é ben sabido por todo o mundo: cando Inglaterra cheira o tabaco, Francia espirra.

Día 25

Hoxe o gran inquisidor veu á miña habitación, pero eu, ó oír os seus pasos xa dende lonxe, escondinme debaixo da cadeira. El, ó ver que eu non estaba, empezou a chamarme. Primeiro berrou: “Poprischin!” — mais eu non dixen nin unha palabra.

Logo: “Aksentii Ivánov! Conselleiro titular! Nobre!” Eu sigo calado. “Fernando VIII, rei español!” Xa me quería asomar, pero logo coidei: “Non, amigo, que non vas poder meterma! Que xa te coñecemos: vas botarme outra vez auga fría pola cabeza”. Porén, el viume e, coa pa, fíxome saír dende debaixo da cadeira. A maldita pa dá golpes moi dolorosos. Por outra banda, a descuberta que fixen hoxe recompensoume todo: cheguei a saber que cada galo ten a súa España, a que está debaixo das súas plumas. En canto ó gran inquisidor, ese, non obstante, saíu enfurecido da miña habitación, ameazándome cun castigo. Pero, desprecei totalmente a súa impotente cólera, sabendo que actuaba só coma unha máquina, coma un instrumento do inglés.

Dí 34 a Ms oan, febreiro 349

Non, que non teño máis forzas para aguantar. Deus! Que están facendo comigo!

Bótanme auga fría pola cabeza! Non me fan caso, non me ven, non me escoitan. Que lles fixen? Por que me están atormentando? Que queren de min, pobre? Que lles podo dar? Non teño nada. Non teño forzas, non podo soportar todos eses suplicios que me dan, árdeme a cabeza e todo xira ó redor de min. Salvádeme! Collédeme! Dádeme unha troica de cabalos, máis lixeiros có vento! Senta, meu cocheiro, resoa, miña campaíña,

/

19 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

alzádevos, cabalos e levádeme deste mundo! Adiante, adiante, para que non se vise nada, nada. Velaí o ceo, coas nubes xirando ante min; unha estreliña escintila, alí ó lonxe; o bosque está voando a toda présa, coas árbores escuras e coa media lúa; a néboa, gris azulada, esténdese baixo os meus pés; unha corda resoa no medio da néboa; dun lado está o mar, doutro, Italia; velaí, xa se ven as casas campesiñas rusas. Será a miña casa a que azula alí lonxe? Será miña nai a que está sentada diante da ventá? Naiciña, salva o teu pobre fillo! Deixa caer unha bagoíña sobre a súa cabeza doente! Mira como o están atormentando! Estreita contra o teu peito o pobre orfo! Non ten sitio nese mundo! Ándano botando! Naiciña! Apiádate do teu fillo doente!.. E saben vostedes que o dei de Alxeria ten un croque xusto debaixo do nariz?

© BIVIR – Asociación de Tradutores Galegos

© da tradución, Ekaterina Guerbek

/

20 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

Notas

1 (Páxina 4) “Pchiolka” (‘abelliña’) chamábanlle informalmente ó periódico

“Sévernaia pchelá” (‘Abella do norte’), un diario político e literario que se editaba naquela época en San Petersburgo. [N. da T.]

2 (P. 5) Eses versos non pertencen á pluma de Alexander Púxkin, senón son obra doutro poeta e dramaturgo N.P.Nikolev (1758–1815); algunhas das poesías deste último foron utilizadas para cancións que se fixeron populares naquela época. [N. da T.]

3 (P. 5) Conselleiro estatal era o título civil de funcionario estatal de 7o rango, segundo a Lista de Rangos que existía na Rusia zarista dende 1722, cando foi promulgada por Pedro I, ata 1917. Nesa Lista estaban establecidos 14 rangos (o 1.º era o superior) para os funcionarios civís e tamén para os militares e os cortesáns. [N. da T.]

4 (P. 6) Un prestixioso xastre petersburgués daquela época. [N. da T.]

5 (P. 6) Rexistrador colexial era o título civil de funcionario estatal de 14o rango, é dicir, o rango máis baixo de todos. [N. da T.]

6 (P. 9) A letra ъ, no alfabeto ruso daquela época, era un dos puntos difíciles da ortografía. [N. da T.]

7 (P. 9) O nome Sophie é a correspondencia francesa ó ruso Sofía ou Sofia: nese caso, é unha indicación máis de que a posuidora dese nome pertence á alta sociedade, daquela moi afrancesada. [N. da T.]

8 (P. 11) Kammer-junker era o título cortesán do chanzo inicial na corte rusa; non obstante, segundo a Lista de Rangos (véxase arriba a nota 2), ese título era de 9.º rango (é dicir, os títulos cortesáns eran só de 9.º a 1.º rango, e non de 14.º), ou sexa, equivalía ó título civil de funcionario que ostentaba o protagonista (véxase abaixo a nota 9). [N.

da T.]

9 (P. 11) Trésor é un nome de can habitual. [N. da T.]

/

21 22

Nikolai Vasílievich Gógol – Diario dun tolo Tradución de Ekaterina Guerbek

BIVIR – VI Premio de Tradución Plácido Castro – 2006

10 (P. 13) Conselleiro titular era o título civil de funcionario estatal de 9.o rango.

[N. da T.]

11 (P. 18) Non había constancia de ningún químico famoso con ese apelido, sendo este aludido quizais polo duque Wellington (1780–1847). [N. da T.]

12 (P. 19) J.-A.Polignac (1780–1847) era un político francés daquela época. [N.

da T.]

/

22 22